Novas

T. 22/23 – X. 26 | PREVIA

Abr 21, 2023

Primeiro dos tres partidos en casa e dos tres derbis galegos que nos quedan nesta recta final de liga. Tras certificar a nosa presencia no playoff polo título, temos que seguir sumando de tres en tres para finalizar a tempada regular o máis alto posible. Para evitalo, nesta xornada visítanos o Ourense CF Envialia, noveno clasificado con 34 puntos. O derbi será o domingo ás 12h, en directo pola TVG2, así como polo streaming habitual de Live Vuvuzela e a RFEF.

Logo de conquistar o vixésimo triunfo en liga o pasado sábado en Leganés, co que nos situamos a un punto do líder e distanciamos a catro ó terceiro clasificado, volvemos á nosa casa coa intención de sumar a cuarta vitoria seguida, a que sería a segunda consecutiva no noso feudo dende que voltamos a el coa renovación da pista rematada. Coñecendo a importancia exponencial de cada partido e coa intención de que a afección nos dé a súa enerxía dende as bancadas, puxemos en marcha a promoción máis xenerosa dos últimos tempos, con acceso gratuíto para menores de 16 anos, dous acompañantes de balde por socio e con entradas a 5€ válidas para os tres partidazos que restan de local. Este Poio dos récords quere establecer plusmarcas tamén entre o número de afeccionados e afeccionadas na Seca.

Enfronte estará un Ourense Envialia que enlaza seis partidos sen gañar (4 empates e 2 derrotas), curiosamente dende que o fixo ante o Burela (2 – 1 no pavillón dos Remedios), na que é a súa única vitoria da segunda volta. O equipo de Mondo, acomodado en media táboa, está lonxe dos postos de playoff e dos de descenso, pero co obxectivo de seguir sumando para quedar o mellor posible en liga. Coma visitantes conseguiron 13 puntos (3 triunfos, 4 empates e 5 derrotas), mentras que na casa melloran ata os 21 (6 vitorias, 3 empates e 4 derrotas).

Na primeira volta vencemos en Ourense por 0 – 3, sendo o único equipo que deixou sen marcar ás aurienses en todos os partidos da tempada. Tirando de hemeroteca e contando o duelo desta campaña, este domingo será o derbi número vinte en Primeira División entre ambas entidades. Os 19 anteriores saldáronse con 7 triunfos vermellos, 2 empates e 10 vitorias ourensás. Contra pronóstico, é un choque favorable ó que actúa de visitante. Por exemplo, o Ourense CF levou seis veces os tres puntos de Poio, incluíndo a visita do ano pasado. De feito, só en dúas ocasións logramos superalas na Seca: unha en 2013 (precisamente no primeiro derbi tras o noso ascenso) e outra en 2021. A maiores, na Copa da Raíña vímonos fronte a fronte en oitavos de final na Seca en 2020 (gañamos 3 – 1) e en 2021 (empate 3 – 3 e pase por penaltis do Ourense). Rematando coa Copa Galicia, dúas das tres que temos foron en finais ante o equipo branquinegro: 2 – 1 en 2017 e 1 – 1 en 2022, coa sorte dos penaltis do noso lado.

CATEGORÍA: Previas